Sunday 08 de September de 2024

A rapazada das Somozas xa goza do campamento de verán


• Desde o 1 de xullo e ata o 2 de agosto, en horario de 9:30 a 14:00 h, os 37 nenos e nenas apuntados desfrutan desta iniciativa totalmente de balde.

• A proposta enmarca actividades de arte creativa, deporte, xogos, aventura e ata unha excursión ao parque acuático de Cerceda.

A rapazada das Somozas xa está a gozar do campamento de verán, unha iniciativa gratuíta para as familias con crianzas de entre 3 a 12 anos.

Esta actividade de conciliación se desenvolve de luns a venres desde o pasado 1 de xullo e ata o 2 de agosto, en horario de 9:30 a 14:00 h. Ademais, a proposta recolle servizo de madrugadores, cun horario de 8:00 a 14:00 horas.

A iniciativa, que conta con 37 nenos e nenas apuntados, realízase en diferentes recintos municipais, como no polideportivo, zonas verdes ou na piscina. Así, a proposta enmarca actividades que van desde arte creativa, deporte, xogos, aventura e ata unha excursión ao Aquapark de Cerceda.

“Con esta iniciativa, financiada polo Concello, apostamos polo servizo de conciliación familiar nesta temporada estival. Ademais, ofrecemos unha alternativa de ocio saudable ao aire libre, que fomenta a integración e a educación en valores nun período vacacional”, apunta o alcalde, Juan Alonso Tembrás.